Xa está habilitada a pestana “Dixit” nos catro niveis educativos da materia de Matemáticas, e nas materias de 5º e 6º de primaria de Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía de 1º ESO.
Desta forma xa se poden escoller, dentro destas materias, os contidos que se desexen na pestana “Dixit” e incorporalos ao apartado “A miña materia” premendo no botón “Sincronizar”.
Os contidos dispoñibles son:
- Na materia de Matemáticas: dous recursos que se corresponden cas dúas contornas virtuais compostas por Regretas Cuisenaire. Estes contidos permiten traballar os bloques temáticos de sumas e restas, ademais dun módulo de manipulación libre que permita ao alumnado comprender conceptos abstractos. Desde o punto de vista técnico, este material ofrece simulación interactiva para a aprendizaxe a través da manipulación de figuras 3D para realizar diferentes operacións matemáticas lóxica, indución, estimación, aproximación. Os/as alumnos/as poden manexar estas figuras (arrastralas, rotalas, etc) na área de traballo, para realizar as operacións que se expoñan nas actividades.
- Nas materias de Ciencias da Natureza e Bioloxía e Xeoloxía: cinco Snack Experiments para coñecer e aplicar o método científico. Trátase dunha colección de demostracións interactivas de distintos experimentos curtos realizados con materiais caseiros cos que o alumnado poderá presentar hipóteses, practicar e alcanzar conclusións a través da súa propia experiencia. Utilízase como ferramenta principal o vídeo cuxas secuencias se mostran en función da interacción do usuario. Dispoñibles en castelán e galego, subtitulados e traducidos á linguaxe de signos para garantir accesibilidade e atención á diversidade. Os temas destes snacks son: Que pasa nos nosos océanos?, A fotosíntese, Presión atmosférica, Tensión superficial e A terra é redonda.
O obxectivo de DIXIT é aproveitar as capacidades técnicas e innovadoras dos sectores tecnolóxico e audiovisual e os coñecementos pedagóxicos do profesorado galego, tendo en conta as súas necesidades, para incrementar a oferta de recursos dixitais dispoñibles para a comunidade educativa galega.
Está prevista a creación de novos contidos para estas e outras materias que empregarán as tecnoloxías máis avanzadas, como poden ser: o laboratorio xeométrico 3D (que permite visualizar e traballar con distintos corpos xeométricos, no que cada alumno pode explorar os obxectos variando os seus parámetros físicos), o laboratorio redes tróficas con compoñentes de gamificación incorporados, o laboratorio mostraxe ecosistema dunar (no que o alumnado poderá percorrer de forma virtual un ecosistema, explorando os seus distintos compoñentes, e aprendendo a caracterizalos, baseado nunha contorna inmersiva 3D con vídeos de 360º), un simulador de conversa de idiomas aproveitando tecnoloxías 3D (recoñecemento de voz, IA,...), etc.